DGPM 1072 - 10: Por las riberas del Sor

Sdílet
Vložit
  • čas přidán 9. 05. 2014
  • A serra da Faladoira afúndese no mar na punta de Estaca de Bares. O Estaquín, un illote alto e bicudo, é o seu mascarón de proa. Polos seus cumes pasaba o "camiño vello dos arrieiros" escoltado por cruces de pedra e enterramentos prehistóricos. Sobre a aba desta serra asentan as aldeas gandeiras de Grañas do Sor. As "grañas" son grupos de granxas illadas no medio de prados cercados, e forman parte da paisaxe agraria destas
    montañas, metade atlánticas e metade cantábricas. Esta parroquia de Mañón está dividida, desde moi antigo, en tres cuadrillas: a de Arriba, a do Medio e a de Abaixo, separadas por regatos. Medio centenar de aldeas espalladas por lombas e "chaos", zonas chás máis cultivables. Segade pertence á Cuadrilla de Abaixo. As casas tradicionais están construídas con gneis de cor óxida coñecidos como "ollo de sapo". Os hórreos son de madeira e moi altos. E cada vivenda dispoñía do seu propio pozo, de forma orixinal. Sen peitoril nin roldana, o caldeiro sácase a pulso. Fóra da aldea está a capela de Santo Antón, no medio de prados. Faltan fregueses. En Segade só vive unha familia. Un fenómeno que se repite en Currodeguas, Bustelo, Regoñal.... Aquí os nomes de lugares olen a pasto e a gando. Os topónimos reflicten a raíz gandeira de Grañas do Sor.
    Estes son os "pendellos" de Campo da Feira: é o único que queda do mercado gandeiro de Mañón.
    Desde aquí parte a senda que leva ata o miradoiro de Auga Caída. O río Sor discorre por un val profundo, encaixado entre desfiladeiros de cen metros de altura. O regato Seixo salta un barranco de 45 metros de altura para desembocar no Sor. Ninguén visita estas soidades, salvo algúns camiñantes e pescadores. O Sor é un dos ríos mellor conservados de Galicia. Sen encoros, sen barreiras artificiais, discorre libre durante cincuenta quilómetros, a forza de meandros. As súas ribeiras son o refuxio do último reduto de bosque atlántico que queda na Mariña onde dominan as repoboacións de eucaliptos. A Ponte do Porto foi usada polos romeiros de Santo André de Teixido que viñan de Asturias ou da Mariña luguesa. Nesta ponte medieval arranca una senda sinalizada que leva ata Ribeiras do Sor.
    O Sor é ideal para practicar sendeirismo e conta con varias rutas. A máis coñecida arranca na aldea de Morgallón. Esta ruta circular de 9 quilómetros bordea o meandro máis espectacular do Sor, coñecido como A Revolta.
    Aquí non se sabe se o río sobe ou baixa.
    A atracción desta ruta son as telecadeiras de ferro de Muíños Vellos que permiten pasar o río Sor sentado e sen mollarse.
    O Sor ensancha preto da desembocadura nun fermoso estuario. A pequena illa de San Martiño, rodeada de bancos de area, pódese abordar en marea baixa.
    Onde o Sor se une ao mar érguese a vila do Barqueiro, que lle dá nome á ría. A fachada mariña conserva todo o encanto de tempos pasados. Unha das estampas do litoral galego.
    O porto é tranquilo, e as redes dos pescadores penduran no peirao á vista das casas que soben pola aba do monte. No porto pódese alugar unha canoa para navegar polo estuario. A empresa Actividades Estaca organiza rutas de sendeirismo ou en kaiak desde hai doce anos.
    A ría do Barqueiro ten cinco quilómetros de lonxitude e destaca pola súa riqueza biolóxica. Durante a marea baixa asoma, no seu interior, unha chaira intermareal enorme.

Komentáře •